A entidade presenta “unha ambiciosa programación para avanzar na reflexión social sobre retos de futuro” como a economía e a creación de empresas, os dereitos das persoas, o modelo aeroportuario galego, a política e a democracia, o Museo do Pobo Galego, a intelixencia artificial ou a medicina e química moleculares.

O resto de ponentes de “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” serán Pedro Puy, Luis Otero González, Luis Seoane Spiegelberg, Manuel Ameijeiras, María Concepción Losada, Carlos Fernández Sánchez, Andrés Gómez Tato, Mabel Loza e Diego Peña Gil,
O ex presidente da Xunta de Galicia e profesor titular de Economía da USC Emilio Pérez Touriño inaugurará o próximo 22 de xaneiro a programación de 2026 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago. O seu presidente, Francisco Lomil Garrido, suliña o esforzo que realiza a RSEAPS para “armar esta ambiciosa programación, que pretende ascender un escalón na necesaria reflexión da sociedade sobre os retos que nos plantexa o futuro”.
Pérez Touriño, que disertará sobre “Economía e sociedade na Galicia de hoxe”, dará paso en febreiro ao catedrático de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago de Compostela Luis Otero González, que protagonizará a mesa de debate titulada “Creación de empresas baseadas no coñecemento”.
En marzo a quenda será para Luis Seoane Spiegelberg, maxistrado do Tribunal Supremo, que centrará a súa exposición nos dereitos individuais actualmente: “Cambio social e dereito privado: os dereitos das persoas no século XXI”. E un mes máis tarde, en abril, Manuel Ameijeiras Vales, ex director xeral de Aviación Civil, reflexionará sobre o modelo aeroportuario da nosa comunidade autónoma, cunha mesa debate titulada: “Galicia, tres aeroportos, un modelo a decidir”.
“Compostela 2023-2027. Presente e futuro” inclúe outras dúas mesas de debate en primavera. En maio, a que encabezará Pedro Puy, deputado no Congreso e profesor titular de Economía Aplicada da USC, “Política, economía e democracia”; e en xuño, a que terá como ponente a María Concepción Losada Vázquez, profesora titular de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC e presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, precisamente sobre o papel desa institución como “organización da sociedade civil ao servizo da construción do país”.
De volta do verán, en setembro, Carlos Fernández Sánchez e Andrés Gómez Tato, coordinador de Sistemas e coordinador do equipo de Cuántica, respectivamente, ambos os dous do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), falarán na RSEAPS sobre “Ordenadores cuánticos e intelixencia artificial: retos e oportunidades”.
E pecharán este ciclo, en outubro, Mabel Loza, directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), cunha reflexión sobre o papel dese centro como “o camiño máis rápido dende a investigación aos doentes”; e en novembro, Diego Peña Gil, director científico do Centro Singular de Investigación en Química, Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS), cuxa intervención ten como leiv motiv: “Sobre ciencia e química: breve paseo polo mundo molecular”.
O presidente da Real Sociedad compostelá lembra o carácter plural e aberto destas mesas de debate, animando unha vez máis á cidadanía a participar nelas, posto que son de acceso aberto e gratuíto para todo o público, que ademais poderá formular preguntas e intercambiar impresións ao remate das intervencións dos ponentes. Tódalas mesas de debate do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” terán lugar na sede da RSEAPS -na compostelá praza Salvador de Parga-, e serán retransmitidas en directo a través da canle de you tube da institución.



