Author picture

O MUSEO DEL PRADO EXPÓN UN CADRO DE ELVIRA SANTISO, PATRIMONIO DA REAL SOCIEDAD ECONÓMICA COMPOSTELÁ

A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago cedeu temporalmente un cadro que forma parte do seu copioso e notable patrimonio, “La clase de pintura”, da galega Elvira Santiso García, para a exposición “Arte y transformaciones sociales en España 1885-1910”, que estará aberta ao público dende mañá, martes 21 de maio, ao próximo 22 de setembro, no Museo Nacional del Prado, en Madrid.

A obra, pintada pola artista de Betanzos en 1906, mereceu ese mesmo ano unha mención de honra na Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid. O lienzo, no que predomina fundamentalmente o debuxo, ten como protagonistas principais ás alumnas, despois de que a partires do século XIX se xeralizaran as clases de pintura “para señoritas”, orientadas sobre todo ás artes decorativas, dentro dun modelo de “educación de adorno” para as mozas de clase media.

Elvira Santiso (1872-1961) residiu toda a súa vida en Santiago de Compostela, onde primeiro cursou estudos artísticos na RSEAPS e, posteriormente, exerceu a docencia para esa mesma institución como profesora de debuxo e pintura. A súa obra evolucionou cara unha maior riqueza cromática e unha representación costumista da xeografía humana galega. Obtivo numerosos premios e galardóns, entre eles, o da Exposición Rexional de Lugo (1896), a Medalla de Ouro na Exposición Rexional (1909) ou a Medalla de Alfonso X El Sabio, esta última, en recoñecemento do seu labor docente.

“Arte y transformaciones sociales en España 1885-1910” plasma os importantes cambios sociais que se produciron en España nos últimos anos do século XIX, un período convulso, testemuña das primeiras reivindicacións obreiras de gran calado e da perda definitiva das colonias de ultramar. A evolución da arte, nas súas diversas manifestacións, permite advertir a incorporación de novos asuntos e dun tratamento estilístico diferente. Nesta mostra no Museo del Prado, que patrocina a Fundación BBVA, “La clase de pintura” estará exposta na segunda galería. O comisario da exposición é Javier Barón, xefe de Conservación da Área de Pintura do Século XIX do Prado.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn