A experta en Historia da Moda Mónica Rey Cabezudo analizou un cadro da RSEAPS que presenta a unha Rexente “austera e seria, no período de alivio do loito pola morte do seu home, pero seguindo tamén as últimas modas chegadas de París”

A investigadora e experta en Historia da Moda da USC Mónica Rey Cabezudo trazou hoxe na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago un perfil da Rexente María Cristina de Habsburgo-Lorena e a súa importancia na Restauración española, a partir da indumentaria que presenta nun cadro que forma parte do patrimonio pictórico da RSEAPS, no que aparece xunto a un dos seus tres fillos, un infantil Alfonso XIII.
A ponente lembrou que ese óleo, obra do pintor valencián José María Fenollera, data de 1889, catro anos despois do falecemento por tuberculose do seu home Alfonso XII, de quen estaba embarazada no momento da súa morte e con quen, “malia as diferenzas de carácter entre ambos, e dos numerosos e coñecidos líos de faldas do monarca, tivo tres fillos, María de las Mercedes, María Teresa e o futuro rei Alfonso XIII”.
“Á hora de enfrontar a análise artística dunha obra de arte”, afirmou Rey Cabezudo, “a moda pode xogar un papel fundamental, especialmente no que se refire ao século XIX, no que a indumentaria é a base dos códigos simbólicos da presentación persoal en sociedade”.
Neste caso, “trala morte do seu home, María Cristina asume a Rexencia, presentándose ante a nación como un exemplo de virtudes, baixo a apariencia dunha boa nai, sinxela e relixiosa, amosando unha imaxe austera e seria que lle valeu o alcume de Dona Virtudes, María a Seca u A institutriz”. “Representa esa imaxe, en gran parte a través da indumentaria, así como a continuidade do loito, xa nun período de alivio, aínda que adherida ás últimas modas chegadas dende París”.
“A moda de finais do século XIX”, engadiu a ponente, “mantén todavía o estrito protocolo das décadas anteriores, codificando os traxes e o seu uso en función das horas do día e das actividades máis adecuadas en cada unha delas”. “As mulleres da alta sociedade pregábanse a este estrito código de vestimenta, e a súa habilidade para navegar por estas sutilezas sociais, marcaba o seu estatus e a súa imaxe como nais, fillas…, enmarcadas dentro da idea da boa cristiá devota, xunto co saber estar”.

Dacordo con iso, María Cristina aparece no cadro ataviada cun polisón, peza con volume únicamente pola súa parte traseira, tipo Langtry -unha innovación tecnolóxica, porque alixeraba o peso da estructura e ao mesmo tempo era flexible-, un corsé, traxe de corpo, falda e peiteado con amplo flequillo de rizos e adorno na coronilla, así como cun colar de pérolas no colo. “O conxunto é totalmente negro, aínda que parece que existía a intención de representar algún tipo de decoración na tea, e destaca especialmente a decoración de pedrería, a cal cubre todo o escote, caendo en cascada ata máis debaixo da cintura, así como na parte dianteira da falda”.
Tamén se refiriu ao loito, algo que “estaba perfectamente establecido e cronometrado ao milímetro na sociedade decimonónica”. “A Rexente aparece todavía ataviada con loito, malia que á vista das decoracións, o escote, o longo das mangas e o uso de xoias, indicarían máis ben un período de alivio”.
En canto á imaxe de Alfonso XIII, Rey Cabezudo sinalou que “hai moi pouco que mencionar, xa que ese tipo de indumentaria de mariñeiro semella ter sido sumamente común, tanto en nenas, como en nenos, no último cuarto do século XIX; a lo menos se síguense as tendencias máis representadas e recomendadas das revistas como La Moda Elegante”.



