Author picture

O presente e futuro do sector artesán en Santiago, a debate na RSEAPS. “É NECESARIO CREAR COMUNIDADE E REDES NO SECTOR, MELLORAR A FORMACIÓN, DIGNIFICAR OS OFICIOS E ACADAR ACORDOS COAS INSTITUCIÓNS”

Debate aberto sobre a situación actual e o futuro do sector artesán en Santiago, na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago. O seu presidente encabezou unha mesa, que coordinou Ana Pérez Varela, profesora axudante de Historia da Arte da Universidade compostelá e membro do grupo de investigación Iacobus, na que participaron como ponentes Enrique Fink, presidente de Ourives de Compostela, Elena Fabeiro, presidenta da Fundación Pública Artesanía de Galicia, e Mónica Cao, de Mocao Artesanía e membro de Creativas Galegas.

Enrique Fink avogou por conseguir dignificar “estes oficios que teñen centos de anos de antiguidade”, para o que cré necesario apostar por un futuro mellor da ourivaría compostelá, “poñendoa en valor, desde a talla, ao acibeche, ao acibeche con prata, a filigrana compostelá, a pratería ou a revitalización de pezas antiguas”. “É necesario”, afirmou tamén, “asinar convenios coa Escola Mestre Mateo, para que salgan novas xeracións de ourives, así como lograr o apoio doutras institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación, o Concello ou a Universidade”.

Pola súa banda, Elena Fabeiro centrou a súa intervención en “apoiar a recuperación do oficio ou dalgunhas das técnicas, a través da formación cun profesional”. Nese senso, destacou a posta en marcha desde a súa Fundación, a finais de 2023, do programa “Aprender da tradición. Oficios e técnicas”, para renovar e conservar técnicas e oficios tradicionais na artesanía galega. “Está dirixido”, sinalou, “tanto á mellora continua dos profesionais da artesanía, como á captación de novos talentos para o sector”. Unha das liñas dese programa, ao que queren dar continuidade no tempo, é a das técnicas de ourivaría e acibechería, con cursos impartidos polo ourive compostelán Ricardo Rivas, Premio Traxectoria 2020 nos Premios de Artesanía de Galicia e un dos referentes da ourivaría compostelá actual. Os cursos están dirixidos a profesionais ou estudantes do eido da xoiería, con especial acento nas técnicas que empregaban os ourives hai séculos, “facendo fincapé nas técnicas e características máis destacadas no emprego da prata, o acibeche ou os esmaltes”.

Finalmente, Mónica Cao destacou sobre todo “a necesidade imperativa de crear comunidade e redes no sector, creando proxectos como Creativas Galegas” xa que, segundo ela, “a unión fai a forza e é moi importante á hora de compartir experiencias, inquedanzas e proxectos”. “E abrirnos camiño”, dixo tamén, “nun mercado xa de por si difícil neste país, porque traballamos cun público moi reducido en Santiago e en España en xeral, debido á insuficiente oferta formativa en artes plásticas, artesanías e oficios”. “Son eidos infravalorados e pouco ou nada estudados no sistema educativo obrigatorio, desde Primaria ata o Bachalerato, polo que un neno sen formación nestas materias, terá dificultades para desenvolver sensibilidades e interese por elas”.

A mesa de debate sobre o sector da artesanía en Santiago, ao que seguiu un coloquio co público asistente, forma parte do ciclo programado para este ano 2024 “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica compostelá.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn