Imagen del autor

O REITOR DA USC PIDE QUE “SE SIGA APOSTANDO POLA UNIVERSIDADE PÚBLICA COMO GARANTE DA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES EN TEMPOS INCERTOS”

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, cre necesario “seguir apostando pola Universidade pública, como garante da igualdade de oportunidades en tempos incertos, de cambios intensos e bruscos”.

Na quinta mesa de debate en 2024 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, o reitor compostelán centrou ademais o foco da súa intervención “na necesidade de intensificar e diversificar ao mesmo tempo entre a universidade e a sociedade, a través da transferencia de coñecemento”. Concretamente, López cre fundamental que a institución académica tenda pontes coa sociedade dende as aulas á actividade investigadora, pasando polas accións de divulgación, programas de emprendemento, etc.

No debate, que conduciu Emilio Pérez Nieto, presidente do Consello Social da USC entre 1987 e 1997, tamén participaron os exreitores da USC Darío Villanueva e Juan Viaño, nun acto que encabezou o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido.

Villanueva plantexou tres asuntos relacionados co futuro da USC, “no contexto”, afirmou, “da evolución global das universidades na nosa época posmoderna”. O exreitor manifestou en primeiro lugar a súa “preocupación pola influencia negativa na liberdade de cátedra e o desenvolvemento do coñecemento sobre a base da procura da verdade científica exercida por certos movementos nacidos en Estados Unidos e moi vixentes no Reino Unido, como a corrección política, inspirada pola teoría da tolerancia represiva de Herbert Marcus”.

Ademais, reivindicou que, “xunto ás funcións da Universidade de docencia e formación de profesionais, investigación e transferencia de coñecemento para xerar riqueza na sociedade, non se esqueza tampouco como fundamental a misión de crear e difundir a cultura”. E pidiu que a USC “afronte os retos plantexados pola intelixencia artificial, neutralizando os perigos de deshumanización, mediante o contacto presencial entre profesores e alumnos no plano da docencia e a tutoría personalizada”.

Pola súa banda, o tamén exreitor da USC Juan Viaño afirmou que “a sociedade debe estar orgullosa polo esforzo colectivo realizado dende a primeira Lei de Universidade en democracia, que permitiu levantar as universidades modernas, dotándoas de infraestruturas materiais e dun enramado normativo que permiten garantir os obxectivos das tres misións universitarias: docencia, investigación e transferencia do coñecemento”.

Aínda que segundo Viaño ese esforzo permitiu á universidade española, en xeral, e á USC, en particular, vivir nas últimas décadas unha etapa de grande expansión e vitalidade, “neste momento o sistema comeza a dar síntomas de fatiga ante as esixencias dun mundo globalizado, con novos modos de relacionarse, con acceso universal á formación e á información, e no que os cambios sociais se suceden rapidamente”. Por iso cre que “a universidade do futuro ten que ser quen de adaptarse á nova situación e revisar os seus plans de acción nas tres misións que ten encomendadas (docencia, investigación e transferencia de coñecemento), co obxecto de contribuír ao desenvolvemento económico, social e humanístico do país”.

“É necesario tamén”, afirmou, “aproveitar as posibilidades dos novos medios de comunicación para aumentar o impacto social dos avances do coñecemento e que as universidades -como depositarias do saber humano-, adestren á sociedade para protexerse fronte ás influencias negativas que se propagan neses medios”. “As universidades teñen que exercer o seu liderado científico e convencer aos que non cren no poder do coñecemento como, por exemplo, os antivacinas ou os terraplanistas”, concluiu.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.