A investigadora da UVigo Mónica Rey Cabezudo reflexionou na Real Sociedad sobre a historia e relevo do calzado entre os séculos XIX e XX, a partir duns botíns patrimonio da RSEAPS

O punto de partida, uns botíns que forman parte do patrimonio histórico da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago. A partir de aí, a investigadora da Universidad de Vigo -especializada en historia da moda- Mónica Rey Cabezudo realizou esta tarde na RSEAPS un percorido polo estudo, evolución e importancia social do calzado entre finais do século XIX e principios do século XX.
A estudosa explicou as dificultades historiográficas que fixeron que tradicionalmente o calzado recibira unha menor atención na investigación histórica, situándoo por iso nunha posición secundaria dentro da historia da indumentaria. E todo malia que, segundo ela, “o calzado tivo paradoxicamente unha notable carga simbólica dentro da cultura do século XIX, como demostran as numerosas referencias ao pé feminino na literatura, a pintura e outras manifestacións artísticas do período”.
Entre eses problemas para reconstruír a evolución do calzado citou as características do traxe decimonónico, porque “durante grande parte do século XIX a silueta feminina estaba definida por vestidos de falda longa, que agachaban case por completo o pé”; que o calzado, fronte ao vestido, evolucionaba de forma máis lenta e gradual, polo que malia a súa importancia merecía menos espazo nas revistas especializadas; e a influenza de factores culturais-morais, xa que “o pé ocupaba no imaxinario do século XIX unha posición ambivalente, na que se misturaban o ideal estético de delicadeza corporal e certas connotacións eróticas, e a prensa da moda estaba suxeita a normas estritas de decoro, polo que puido optar pola discreción”.
Un zapato para cada momento e contexto
Limitacións documentais aparte, Rey Cabezudo afirmou que a análise sistemática de revistas de moda, figuríns, manuais de etiqueta e pezas conservadas en colección, permite reconstruír parcialmente a tipoloxía do calzado feminino da época. Así, lembra que existían diversas categorías de zapatos en función do seu uso social e do momento do día, cadanseu, asociado a determinados materiais, formas e niveis de ornamentación: de mañá ou de rúa, de paseo ou de visita, e o zapato de noite.
Entre os modelos máis característicos desa etapa destacou o zapato inglés, “un calzado pechado mediante cordóns ou botóns, de tacón baixo, que garantía a comodidade nos desprazamentos urbáns, e relativamente sinxelo, que se utilizaba principalmente durante a mañá ou en contextos de viaxe”; o zapato de barretas, “provisto de fitas transversais sobre o empeine”; ou o zapato de estilo Luis XV, “considerado especialmente acaído para os bailes e recepcións noturnas, gracias ao seu característico tacón alto e curvado”.
E canda eles, tamén mencionou as botinas ou botitas, unha especie de comodín xa que, en función do seu grao de ornamentación e dos materiais empregados, podíanse adaptar tanto a situacións informais, como a contextos de maior elegancia. “Trátase dun calzado de caña alta”, indicou, “que cubría o nocello, que podía pecharse mediante cordóns ou botóns laterais e que se utilizou amplamente no vestir cotiá feminino, especialmente en contextos urbáns, viaxes e paseos”.
O mestre compostelán José Devesa
Na intervención de Rey Cabezudo mereceu capítulo aparte a producción do mestre zapatero compostelán José Devesa Domínguez, situado no número 34 da rúa do Vilar de Santiago de Compostela, “que acadou un notable relevo no panorama artesanal da segunda metade do século XIX”, e cuxa participación como expositor na Exposición Universal de París de 1867 mereceu unha mención honorífica, “o que confirma a calidade da súa produción e a proxección internacional acadada polo seu obradoiro”.

Segundo a investigadora, dentro desa tradición artesanal enmárcanse os botíns obxecto de estudo, que forman parte do patrimonio da RSEAPS. “Trátase dun calzado feminino de caña alta, destinado ao uso urbán elegante” e os seus elementos decorativos “revelan un elevado grao de destreza artesanal”. Outros elementos formais permiten, dacordo con ela, precisar a súa cronoloxía: “O tacón presenta unha forma curvada, derivada do denominado tacón Luis XV, que se popularizou no calzado feminino elegante a partir da década de 1880”.
“Os botíns analizados poden interpretarse como unha variante especialmente elaborada deste modelo de calzado de paseo, na que a estrutura funcional do botín urbán combínase cun programa ornamental sofisticado”. “Esta dualidade”, concluiu, “reflicte unha das características do calzado feminino de finais do século XIX: a súa capacidade para integrar funcionalidade práctica e representación social dentro do sistema da moda”.
Na conferencia de hoxe, incluída no programa de 2026 do ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, a encargada de presentar a Rey Cabezudo foi María Dolores Barral Rivadulla, profesora titular e vicedecana da Facultad de Xeografía e Historia da USC, nun acto que conduciu Francisco Loimil Garrido, presidente da Real Sociedad Económica compostelá.



