Imagen del autor

PEDRO PUY: “O IMPULSO DESDE A SOCIEDADE CIVIL DAS INSTITUCIÓNS E AS REGRAS DEMOCRÁTICAS É A VÍA MÁIS ESPERANZADORA PARA EVITAR A INVOLUCIÓN, O AUTORITARISMO E O CONFLITO CIVIL”

O deputado e profesor da USC defendeu na Real Sociedad Económica que o deterioro da democracia consensual leva a “porcións significativas da poboación a procurar refuxio en solucións nacional-populistas e mesmo autoritarias”

“O impulso desde a sociedade civil do reforzo institucional, e o cumprimento e desenvolvemento das regras democráticas e as institucións do Estado de Dereito -nomeadamente no contorno europeo e nacional-, é a vía máis esperanzadora para evitar a caída nun novo ciclo de involución, autoritarismo e conflito civil”.

Esa é a principal conclusión á que chegou o deputado e profesor da Facultade de Dereito da USC Pedro Puy Fraga, na mesa debate “Política, economía e democracia”, incluída no ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, que tivo lugar esta tarde na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS).

Puy Fraga alertou do perigo que se cerne sobre a nosa sociedade na actualidade, debido á situación económica, marcada pola “incertidume e a desigualdade”, e política, caracterizada agora pola “polarización e a fragmentación”, sumadas aos cambios sociais e tecnolóxicos no deterioro das regras que eran aceptadas socialmente, tanto na orde internacional, como na nacional.

“Como consecuencia dilo”, afirmou, “a democracia consensual, que foi o marco institucional que prevaleceu e á vez propiciou o período dos trinta gloriosos, deteriórase”, levando a “porcións significativas da poboación a procurar refuxio, en ausencia de regras, en solucións nacional-populistas e mesmo autoritarias”.

Para o político e profesor, no pasado as democracias liberais tiñan a capacidade de inducir estabilidade económica (“reducir a incertidume e xerar contornos innovadores”), e política (“satisfacción coas políticas públicas e os procesos redistributivos da renda”), “fundamentándose no consenso en torno ás regras do xogo democrático e o respecto expreso e implícito a esas regras consensuadas”.

Por todo ilo, a gran pregunta neste momento segundo Puy Fraga -que aportou datos e exemplos concretos sobre a situación actual de España-, é se seremos quen de volver recuperar un amplo consenso sobre as regras que rexen a orde internacional e a orde política interna.

Na mesa de debate, o ponente, que respondeu ás cuestións formuladas polos asistentes trala súa intervención, foi presentado polo presidente da Real Sociedad Económica compostelá, Francisco Loimil Garrido.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.