Author picture

PÉREZ TOURIÑO: “DEBE PREOCUPARNOS MOITO O ACTUAL INTENTO DE REDUCIR O PAPEL DA FACENDA CENTRAL E PRIVILEXIAR A UNHA COMUNIDADE AUTÓNOMA, EMPEORANDO A SITUACIÓN DE GALICIA”

O expresidente da Xunta afirmou na Real Sociedad Económica que á nosa comunidade autónoma interésalle manter un sistema de financiamento que “garantiu a solidariedade interterritorial e a igualdade na prestación dos servizos fundamentais”

O expresidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño oponse ao acordó do Goberno para establecer un financiamento especial para Cataluña. O político socialista, doutor en Económicas e profesor titular da Universidade de Santiago (USC), asegurou na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) que aos galegos “debe preocuparnos moito o actual intento de reducir o papel da Facenda central e mermar as súas capacidades e recursos, privilexiando a unha comunidade autónoma -asumindo o falso relato da súa infrafinanciación, cando os datos indican que Cataluña sempre estivo na media das comunidades autónomas ou lixeiramente por riba- e revertindo ou empeorando a situación de Galicia”.

Máis contundente aínda foi coa posibilidade de establecer un cupo ou concierto con esa comunidade autónoma: “Debenos preocupar moito máis aínda ese plantexamento, porque significaría segregar a Cataluña do sistema común, baixo a idea de o meu é meu e polo tanto quédome coas chaves da caixa, o que implicaría unha ruptura do modelo e a quebra da igualdade e a solidariedade interterritorial cara un modelo confederal, impropio da nosa Constitución”.

Na mesa de debate “Economía e sociedade na Galicia de hoxe”, que abriu a programación de 2026 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” da RSEAPS, Touriño indicou que “a Galicia interésalle decisivamente manter un sistema de financiamento que ata agora garantiu a solidariedade interterritorial e a igualdade na prestación dos servizos fundamentais de benestar aos cidadáns, independentemente de onde vivan; que é fondamente redistributivo e igualitario nos seus efectos”.

“Hai que ter en conta”, engadiu, “que Galicia parte dun déficit fiscal que podemos estimar entre 3.000 e 4.000 millóns de euros ao ano, o que supón entre un 7 e un 8 por cento do Produto Interior Bruto da comunidade e que, se computamos a Seguridade Social, acada entre 10 e 11 puntos do seu PIB”.

O futuro da Unión Europea e as claves para afrontar os retos de Galicia 

O expresidente cré que, xunto co sistema autonómico e o autogoberno de Galicia, o outro grande piar do noso desenvolvemento vén dado pola pertenza á Unión Europea, polo que considera “estremadamente preocupante o debilitamento e fragmentación da UE no contexto actual da xeopolítica mundial e de ruptura do multilateralismo”. E por iso pide “unha Europa con autonomía estratéxica no terreo enerxético, industrial e de seguridade e defensa, máis unida politicamente, cara á súa federalización”.

Touriño falou das que, segundo el, son as tres principais feblezas ou limitacións da economía galega: “Unha certa incapacidade histórica para crear emprego; unha demografía moi feble; e unha relativamente baixa productividade na manufactura, con limitacións para xerar valor engadido e capacidade de transformación (relacionada co grande peso das PEMES, o tamaño medio das empresas e o baixo nivel medio da I + D)”.

Con todo, mira tamén a cara positiva porque “partimos de ser unha comunidade cun grande potencial de crecemento, dispoñemos de importantes recursos enerxéticos, paisaxísticos, culturais e patrimoniais, contamos cunha interesante posición xeoestratégica atlántica, con liderados empresariais, capital humán e infraestruturas propias dun país desenvolvido, e dunha economía extraordinariamente aberta, con capacidade exportadora”.

Para Touriño, o futuro de Galicia pasa por varias claves, entre as que sinala: Acadar un pacto polo reequilibrio territorial, que frene a dispersión ocupacional, o despoboamento do rural e a destrución da paisaxe, permitindo aproveitar os seus recursos; repensar a pranta local e dar pulo á cooperación supra e intermunicipal, para superar las limitacións do minifundismo municipal; abordar “a ineludible” revitalización demográfica, xerando emprego de calidade, impulsando políticas de conciliación e captando maiores fluxos de inmigración; ou potenciar a rede de cidades e a euro-rexión Galicia-Norte de Portugal, aproveitando a posición atlántica (“superando o localismo e impulsando a complementariedade”).

Revertir a concesión da AP-9 ata 2048 e reter beneficios das renovables

Ademais, cré necesario revertir “o grave erro da ampliación da concesión da AP-9 ata 2048, xa que para el “ese é o eixo básico do dinamismo económico e as peaxes limitan gravemente os potenciais efectos de aglomeración, especialización e economías de escala na economía galega”. “Para a constitución dunha efectiva e eficiente euro-rexión”, afirmou ademais, “resulta substancial a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Oporto, a coordinación portuaria (coa creación dun clúster portuario Galicia-norte de Portugal), a atención aos seus hinterland loxísticos e o solo industrial”.

Entre outras moitas suxerencias, o expresidente referiuse tamén á reorientación do modelo produtivo, para atraer talento, captar inversións, xerar innovación e valor engadido, situando no centro o sector enerxético, “que debe reter unha parte de relevo dos seus beneficios para a comunidade”, dado que na súa opinión “temos capacidade potencial para ser un dos líderes rexionales en Europa en enerxías renovables (produción hidroeléctrica, eólica, maremotriz e hidróxeno verde)”.

Xunto a iso, aposta por potenciar e completar os complexos industriais básicos para constituír distritos industriais (mar-industria conservera, agroalimentación e madeira, ecosistema do clúster do automóbil, téxtil e moda, loxística e desenvolvemento das TIC, polos biotecnolóxicos de química, xenómica, farmacéutica e os inicios en semiconductores e chips). E por último, fortalecer a cohesión social, reducir a precariedade e impulsar a inclusión social, acadando un acordo institucional galego en materia de Vivenda.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.