Author picture

RAMÓN YZQUIERDO PEIRÓ: “AS ENIGMÁTICAS PEZAS DO APÓSTOLO DA RSEAPS PODERÍAN TER CHEGADO COMO DOAZÓNS PARA O PRIMEIRO MUSEO ARQUEOLÓXICO DE GALICIA”

Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico-conservador do Museo Catedral de Santiago e doutor en Historia da Arte, protagonizou a segunda das conferencias do ciclo organizado pola RSEAPS para amosar o notable patrimonio artístico que atesoura, en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

A charla de Yzquierdo, que foi presentado por Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago, versou sobre dúas enigmáticas pezas escultóricas dos fondos da Real Sociedad Económica, as imaxes de Santiago o Maior Sedente e Santiago o Maior Pelegrín, en ambos os dous casos “non estudadas ata a data e con escasas referencias sobre elas”.

                                 

Na súa disertación, fixo un percorrido polo proceso de creación do primeiro Museo Arqueolóxico de Galicia, fundado en 1884 como parte das actividades conmemorativas do primeiro centenario da RSEAPS e precursor dos museos de Compostela. Segundo Yzquierdo, as dúas pezas de Santiago, realizadas en pedra caliza e datadas en torno ao ano 1500, poderían ter chegado á Real Sociedad Económica como parte dos depósitos e doazóns procedentes de institucións e particulares para dotar de fondos, nos seus primeiros tempos, ao novo Museo.

Ademais de analizar o hipotética xeito de ingreso das dúas imaxes na colección da RSEAPS, o director técnico do Museo Catedral de Santiago comentou as súas particularidades, modelos e referentes iconográficos, así como as súas principais características. Tamén fixo mención a algúns hachádegos inesperados realizados durante a preparación da súa intervención e que están relacionados con pezas actualmente pertencentes ao Museo Catedral.

                                                                                 

O ciclo sobre o patrimonio artístico da RSEAPS continuará en maio cunha conferencia de Francisco Durán, profesor titular de Xeografía da USC, que falará sobre un retrato de Domingo Fontán de finais do século XIX. En xuño, Juan Monterroso, catedrático de Historia da Arte da USC, disertará sobre o óleo do século XVII “Parnaso”. E se completará coas charlas de Ana Pérez Varela, profesora axudante doutora da USC, acerca do reloxio da sala de xuntas da RSEAPS, en outubro; de Mirian Elena Cortés, profesora axudante doutora da USC sobre a escultura “Violinista”, en novembro; e de José Manuel García Iglesias, catedrático emérito de Historia da Arte da USC, en decembro, sobre o retrato do escultor Sanmartín. Todas as conferencias deste ciclo terán lugar na sede da RSEAPS, no número 4 da praza Salvador Parga, e serán de libre acceso para o público ata completar aforo.

 

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn