Author picture

RAMÓN YZQUIERDO PERRÍN: “AS IMAXES DE SANTIAGO O MAIOR SON TESTEMUÑO DA DEFENSA DO PATRIMONIO DA SOCIEDAD ECONÓMICA”

O catedrático emérito de Historia da Arte da UDC, Ramón Yzquierdo Perrín, abriu cunha conferencia sobre as imaxes escultóricas de Santiago O Maior que posúe a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), o ciclo organizado pola nosa institución para achegar aos composteláns o seu amplio patrimonio artístico.

Yzquierdo, que durante 25 anos foi profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago (USC), revelou na súa disertación que as dúas figuras do inventario da RSEAPS están inspiradas no relevo, en mármore do país, situado no friso da fachada das Praterías da catedral compostelá, e na talla, labrada en pedra, do século XIII, do altar da capela maior da seo.

Explicou ademais que, esa imaxe do altar, tivo como modelo unha figura sedente de Santiago, obra do Mestre Mateo, instalada sobre o parteluz do Pórtico da Gloria, baixo a imaxe de Cristo que preside o tímpano, que alude á relación directa entre Xesús e o Apóstolo, así como á súa pertenza á mesma familia, xa que as súas respectivas nais eran irmás.

           

En calquera caso, o experto en Idade Media e especialista en arte románica, cré que esas dúas imaxes de Santiago O Maior da RSEAPS “constitúen dous interesantes exemplos da actividade dos obradoiros casteláns de comezos do século XVI, e son testemuño tamén da actividade en defensa do patrimonio por parte da Sociedad Económica á que pertencen”.

Yzquierdo destacou na súa charla, ademais, que o apóstolo Santiago foi un dos primeiros en recibir a chamada de Cristo a seguirlle, como relata o evanxeo de San Marcos (I, 19-20), estando presente nos momentos máis significativos da súa vida: transfiguración, última cea, oración na horta e ascensión aos ceos.

Así mesmo, realizou un percorrido histórico pola iconografía de Santiago, desde a súa primeira imaxe na catedral compostelá -a do friso da fachada das Praterías-, pasando polas medievais (centradas na súa condición de apóstolo), ata as máis modernas, relacionadas coa peregrinación a Compostela e que, a partir da escultura do altar da capela maior da seo, extendéronse por diferentes lugares, nomeadamente polos territorios atravesados polos Camiños de Santiago.

 

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn