
Premio Domingo Fontán
O galardón bianual, dotado con 2.000 euros e a publicación da obra, está organizado pola Real Sociedad Económica, a USC e o Consorcio de Santiago
O xurado valora a “boa documentación e factura académica” do estudo, cuxo tema considera de “grande importancia e relevo social neste momento”
Miguel Ángel Sánchez del Río é o gañador do IX Premio Domingo Fontán de investigación histórica (2024-2025), galardón bianual dotado con 2.000 euros, que organizan a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consorcio de Santiago.
Segundo o xurado que decidiu conceder o premio por unanimidade, encabezado polo presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido, o traballo “Dadelles vós de comer. Asistencia e nutrición na Cociña Económica de Santiago de Compostela (1891-1923)” fíxose acreedor do Domingo Fontán porque o seu tema “ten unha grande importancia e relevo social neste momento, porque está moi ben documentado e ten moi boa factura académica, é un estudo dun elemento de relevo da historia contemporánea da cidade, e na época que menos se coñece”.
Ademais, os membros do xurado valoran que “reflicte un momento histórico moi relevante de transición cara a modernidade, no que a caridade do Antigo Réxime dá paso á articulación da sociedade civil”, así como que sexa un traballo “ben definido e significativo no contexto histórico, que utiliza fontes primarias adecuadas e bibliografía académica actualizada, claro, preciso e sen erros”. Tamén consideran que “sería interesante animar ao autor a que complete a súa obra con outra edición, que leve o estudo ata os nosos días”.
O galardoado calificou este premio como “unha ledicia entrañable, ao ser antigo alumno da Escola de Mecanografía da Real Sociedad Económica de Amigos del País e do Conservatorio alí ubicado”. “Malia que poida parecer un tópico”, engadiu, “é unha honra entrar a formar parte da nómina de galardoados co Domingo Fontán, na que hai nomes de prestixiosa e recoñecida traxectoria académica”.
Sánchez del Río indicou ademais que no seu caso “supón a validación e consideración dun traballo de varios anos pero, sobre todo, coido que é un punto de novo pulo para continuar investigando na historia da miña cidade, as súas institución e os seus protagonistas”. “Agardo que tamén contribúa a situar á Cociña Económica de Santiago no lugar histórico que merece, pola influencia que tivo na apertura de establecementos similares en Galicia e no resto de España”, concluiu.
Sánchez del Río recibirá o diploma acreditativo do premio, que conleva a publicación da obra elixida entre os candidatos e a súa posterior presentación, no decurso dun acto público que terá lugar próximamente na sede da Real Sociedad Económica compostelá.
Un autor cunha formación moi completa
Miguel Ángel Sánchez del Río (Santiago de Compostela, 1977) é mestre especialista en Educación Musical (en posesión das especialidades de Educación Primaria, Pedagoxía Terapéutica e Audición, e Linguaxe), doutor en Filosofía, licenciado en Psicopedagoxía e diplomado en estudos avanzados en Métodos de Investigación e Diagnóstico Educativo.
Actualmente, Sánchez del Río exerce como mestre de Educación Primaria no CEIP de Sigüeiro. Ademais, é organista titular da igrexa de San Miguel dos Agros (dende 2002) e da Real e Ilustre Confraría Numeraria do Rosario, con sede en San Domingos de Bonaval, así como cantor do Santuario de Santa Minia. Está vinculado á Asemblea da Cruz Roja de Santiago de Compostela como voluntario dende o ano 1992.



