Author picture

SÁNCHEZ DEL RÍO RECIBIRÁ MAÑÁ O IX PREMIO DOMINGO FONTÁN DE INVESTIGACIÓN HISTÓRICA POLO SEU TRABALLO SOBRE A COCIÑA ECONÓMICA

O profesor Miguel Ángel Sánchez del Río recibirá mañá, mércores 25 de febreiro, o IX Premio Domingo Fontán (2024-2025) de investigación histórica que convocan bianualmente a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consorcio de Santiago. 

Será nun acto aberto ao público que terá lugar ás 19,30h na sede da Real Sociedad Económica compostelá, que presidirá o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López Díaz, ao que acompañarán -xunto ao galardoado-, o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela, e o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido.

Sánchez del Río, que mereceu o Domingo Fontán polo seu traballo “Dádelles vós de comer. Asistencia e nutrición na Cociña Económica de Santiago de Compostela (1891-1923)”, recibirá os 2.000 euros cos que está dotado este premio e o diploma que o acredita, ao que se suma a publicación da súa obra, que será presentada noutro acto público na Real Sociedad, que se celebrará proximamente.

O xurado, encabezado por Loimil Garrido, decidiu por unanimidade conceder este galardón a Sánchez del Río porque o tema do seu traballo “ten unha grande importancia e relevo social neste momento, porque está moi ben documentado e ten moi boa factura académica, e é un estudo dun elemento de relevo da historia contemporánea da cidade, na época que menos se coñece”.

Biografía do premiado

Sánchez del Río (Santiago de Compostela, 1977) é mestre especialista en Educación Musical (en posesión das especialidades de Educación Primaria, Pedagoxía Terapéutica e Audición, e Linguaxe), doutor en Filosofía, licenciado en Psicopedagoxía e diplomado en Estudos Avanzados en Métodos de Investigación e Diagnóstico Educativo.

Actualmente exerce como mestre de Educación Primaria no CEIP de Sigüeiro. Ademais, é organista titular da igrexa de San Miguel dos Agros (dende 2002) e da Real e Ilustre Confraría Numeraria do Rosario, con sede en San Domingos de Bonaval, así como cantor do Santuario de Santa Minia. Está vinculado á Asamblea da Cruz Roja de Santiago de Compostela como voluntario dende o ano 1992.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.