Author picture

SÁNCHEZ DEL RÍO RECIBIU O IX PREMIO DOMINGO FONTÁN DE INVESTIGACIÓN HISTÓRICA POLO SEU TRABALLO SOBRE A COCIÑA ECONÓMICA DE SANTIAGO

Destacou o carácter único desa entidade “pola súa fundación dende unha óptica cristiá e porque o seu modelo non se quedou na alimentación de probes, senón que tivo ramificacións educativas, sociais e de atención a pelegríns”

O profesor Miguel Ángel Sánchez del Río recibiu hoxe na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) o premio bianual de investigación histórica Domingo Fontán, do que foi merecedor na súa novena edición (2024-2025) polo seu traballo “Dádelles vós de comer. Asistencia e nutrición na Cociña Económica de Santiago de Compostela (1891-1923)”.

O acto de entrega do galardón -convocado pola Real Sociedad Económica, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consorcio de Santiago-, foi presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, o xerente do Consorcio compostelán, José Antonio Domínguez Varela, e o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido.

Sánchez del Río, que obtivo os 2.000 euros de dotación do premio, o diploma que o acredita eo compromiso da publicación da súa obra (así como a súa presentación nun acto público que terá lugar proximamente na Real Sociedad), agradeceu a concesión do galardón e lembrou “a orixe histórica dos comedores sociais, que en España partiran dunha iniciativa en 1885 de Segismundo Moret, ministro liberal en varias ocasións e presidente das Cortes”, creados nese momento como solución parcial á situación dos traballadores e xornaleiros que tiñan problemas para manterse a si mesmos a ás súas familias.

O premiado destacou que, “cando ese plantexamento chega a Santiago, é redefinido gracias a tres personaxes esenciais -Manuel Bibiano Fernández, José Pascual e o arcebispo José Martín de Herrerra-, para convertilo nunha obra de caridade, diferente doutras cociñas de ideario laico-filantrópico”, e como o seu proceso de fundación dende unha óptica cristiá acelerouse pola publicación nesas datas da encíclica Rerum Novarum”. “Esa conxunción”, engadiu Sánchez del Río, “fixo da Cociña Económica de Santiago unha entidade única, que rapidamente serviu de modelo para outras fundacións galegas e españolas”. “Gracias á intervención directa da Igrexa, o seu modelo de auxilio non só se quedou na alimentación de probes, senón que tivo ramificacións educativas, sociais e de atención específica a pelegríns, contribuíndo a que a sociedade mudase a súa visión dos probes, que pasou do rexeitamento e a criminalización, á concienciación e o interese por mellorar as súas condicións”, concluiu.

Pola súa banda, o presidente da Real Sociedad Económica -que lembrou que este ano se cumpren 242 anos desa institución ao servizo de Santiago e de Galicia- quixo subraiar que este premio é máis que un recoñecemento académico: “Un exemplo vivo e eficaz de cooperación entre institucións da cidade ao servizo da cultura e da investigación”, afirmou.

Para Francisco Loimil, o galardón reflicte “un empeño que entronca directamente co ideario dos fundadores ilustrados da Real Sociedad, homes na estela de Domingo Fontán, Jovellanos ou o pai Feijóo, que entenderon que o coñecemento non é un luxo intelectual, senón unha ferramenta de progreso, dignidade e transformación social”. “Creron na educación, na ciencia e no estudo rigoroso como motores do desenvolvemento colectivo… un espírito que segue vivo hoxe neste premio”, sentenciou.

Biografía do premiado

Sánchez del Río (Santiago de Compostela, 1977) é mestre especialista en Educación Musical (en posesión das especialidades de Educación Primaria, Pedagoxía Terapéutica e Audición, e Linguaxe), doutor en Filosofía, licenciado en Psicopedagoxía e diplomado en Estudos Avanzados en Métodos de Investigación e Diagnóstico Educativo.

Actualmente exerce como mestre de Educación Primaria no CEIP de Sigüeiro. Ademais, é organista titular da igrexa de San Miguel dos Agros (dende 2002) e da Real e Ilustre Confraría Numeraria do Rosario, con sede en San Domingos de Bonaval, así como cantor do Santuario de Santa Minia. Está vinculado á Asamblea da Cruz Roja de Santiago de Compostela como voluntario dende o ano 1992.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.