Author picture

“SANTIAGO DEBE CONSIDERAR O SEU GRANDE PATRIMONIO CULTURAL E O SEU ATRACTIVO TURÍSTICO Á HORA DE ESTABLECER NOVAS FONTES DE FINANCIAMENTO PARA O CONCELLO COMO AS TAXAS TURÍSTICAS”

María Dolores Rivera Frade, presidenta da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pronunciou esta tarde unha conferencia na nosa sede sobre fiscalidade municipal. A maxistrada sinalou que “o recargo do IBI ás vivendas valeiras, a creación dunha taxa turística ou as exencións fiscais de bens propiedade da Universidade, da Igrexa, do Estado ou afectos á Defensa Nacional (como as residencias militares), son asuntos que cobran especial relevo nunha cidade como Santiago de Compostela, cuxa idiosincrasia repercute directamente na recadación de impostos municipais”.

Na súa ponencia, incluída no ciclo de debate da RSEAPS “Compostela 2023-2027. Presente y futuro”, Rivera destacou que, “ademais do importante patrimonio cultural co que conta Santiago de Compostela, a meirande parte propiedade da Igrexa, hai que ter en conta o seu grande atractivo turístico como cidade de peregrinaxe”, unha condición que, segundo a maxistrada, “debe considerarse á hora de implementar novas fontes de financiamento do Concello”, entre as cales citou “a imposición de taxas turísticas”.

                                                                                                               

A xuíza, á que acompañaron os directivos da RSEAPS Juan Bautista de la Salle Barreiro e Luis García Varela (este último, foi o encargado de presentala), incidíu na importancia que teñen os ingresos tributarios no financiamento das corporacións locais, xa que lembrou que “son indispensables para que estas poidan desempeñar as súas funcións e exercer as competencias que teñen atribuídas”. E no caso concreto de Compostela, someteu tamén a debate a importancia de “atopar un equilibrio entre a recadación tributaria do Concello, a autonomía e a suficiencia financeira, que debe ter garantidas”, ao tempo que indicou que ese equilibrio, debe respectar os principios constitucionais “de igualdade e capacidade financeira”.

Rivera profundizou ademais na súa intervención na fiscalidade de Santiago, “unha urbe que conta con máis de 1.500 bens propiedade da Igrexa que non se destinan a unha finalidade relixiosa”. Por iso, analizou a interpretación da norma que regula as exencións fiscais do IBI, tendo en conta tamén a súa condición de cidade universitaria xa que, segundo ela, “conta con numerosos inmobles que son propiedade da Universidade afectos a servizos educativos -mesmo residencias de estudantes que pertencen ao Ministerio de Defensa-, que se poden ver beneficiados, ao igual que os da Igrexa, por esas exencións”.

                                                                                                               

Por último, examinou os beneficios fiscais vinculados á protección do patrimonio cultural. A maxistrada valorou en que medida o sacrificio que realizan os propietarios dos bens declarados de interese cultural, para cumprir co seu deber de conservación, pode verse compensado con beneficios fiscais previstos nas ordenanzas municipais. Así mesmo enumerou as consecuencias derivadas da non creación, en Santiago de Compostela, dun tribunal económico administrativo local, á vista de recentes pronunciamentos xudiciais.

 

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn