O catedrático e a profesora de Economía Aplicada da USC defenderon na Real Sociedad Económica “avanzar cara un modelo de federalismo cooperativo, baseado na cogobernanza efectiva e solidaria”
O catedrático e a profesora de Economía Aplicada da USC Santiago Lago Peñas e María Cadaval Sampedro disertaron esta tarde sobre financiamento autonómico nunha mesa de debate que tivo lugar na sede da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago.

En relación co concerto fiscal vasco e co convenio navarro, ambos afirmaron que “representan unha anomalía sen parangón no panorama internacional”, advertindo de que “unha eventual extensión dese modelo a outras comunidades implicaría unha redistribución dos fluxos fiscais, que configuraría un sistema totalmente diferente do actual e, posiblemente, ameazaría a viabilidade do sistema”. “Por iso subraiamos”, engadiron, “que é esencial previr tratamentos asimétricos que poidan xerar agravios territoriais, e lembramos que calquera solución de reforma debe ser aceptada, non só polas comunidades autónomas individualmente, senón tamén dende a perspectiva do conxunto do sistema”.
Para Lago e Cadaval, “é innegable a fonda transformación institucional, económica e social que experimentou España no último medio século”, pero segundo eles, “persisten importantes desafíos territoriais e institucionais (a insuficiencia global de recursos das CCAAs; as disparidades arbitrarias no financiamento per cápita; a limitada capacidade tributaria e a falta de incentivos para o seu uso eficaz; a excesiva complexidade do sistema; ou os problemas de estabilidade fiscal no nivel autonómico), que esixen unha ampla axenda reformista”.
Dende o seu punto de vista, esa necesaria reforma estrutural “para dotar de maior consistencia territorial ao país”, xa que actualmente “todo está asentado nunha feble estada institucional”, debe pasar por “unha mellora da descentralización financeira, fortalecendo as institucións de gobernanza das comunidades autónomas, transitando cara un modelo de federalismo cooperativo que estea baseado na cogobernanza efectiva e solidaria”.
“Corrixir a arbitrariedade na aplicación do sistema común” Lago e Cadaval están convencidos de que as áreas máis complexas do sistema de financiamento autonómico son a equidade e a nivelación interterritorial, polo que tamén cren que é necesario “acadar un consenso político sobre se a nivelación debe aplicarse dun xeito total ou parcial e, en función da decisión que se adopte, é imprescindible avanzar en canto ao statu quo e ao criterio de ordinalidade”.

Os dous profesores opinan que é decisivo actuar en tres frontes: “Corrixir a arbitrariedade que existe na aplicación do sistema común; adecuar a metodoloxía de cálculo dos habitantes, axustándoa para garantir unha distribución máis xusta dos recursos; e revisar o sistema de concerto e convenio, así como -en menor medida-, o réxime especial canario, adaptando os cálculos ás novas regras de redistribución”.
“Desactivar os mecanismos extraordinarios de financiamento”
Entre as recomendacións fundamentais de Lago e Cadaval destacan a reforma e pulo do Fondo de Compensación Interterritorial, “para promover a converxencia económica e o reequilibrio territorial, pero sen perder de vista a eficiencia e a rendibilidade social dos investimentos públicos”.
E en canto aos mecanismos extraordinarios de financiamento (como o Fondo de Liquidez Autonómico), “a redución progresiva do acceso a eles, ata a súa completa desactivación”, ao tempo que se facilite “a metabolización do endebedamento acumulado, garantindo (iso si) un trato equitativo para aquelas comunidades autónomas que fixeron un uso menor ou nulo desas ferramentas”.
Por último, subraiaron “a necesidade perentoria de definir con claridade o reparto vertical e horizontal dos obxectivos de déficit no marco das novas regras fiscais europeas, así como implementar mecanismos de axuste máis áxiles, que permitan adecuar as contas autonómicas á realidade, evitando distorsións na programación financeira das comunidades”.
A mesa de debate, titulada “Financiamento autonómico. Tempo de espera ante unha reforma necesaria”, formaba parte da programación para 2025 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica compostelá. O encargado de encabezala foi o presidente desa institución, Francisco Loimil Garrido, que foi tamén quen presentou aos ponentes, ao remate de cuxas intervencións se abriu un intenso coloquio co público asistente.



