O coordinador de Sistemas do Centro de Supercomputación de Galicia, Carlos Fernández Sánchez, puxo en valor nunha mesa de debate na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), o papel que xogará Santiago de Compostela, e por ende Galicia, na construción de intelixencia artificial europea.

A capital galega será sede dunha das fábricas europeas de IA, “a rede de infraestruturas coas que a Unión Europea quere ter capacidade propia para desenvolver intelixencia artificial e non depender de terceiros”, afirmou. Trátase do proxecto 1HealthAI, liderado polo CESGA e o CSIC, coas tres universidades públicas galegas, centros da Red CIGUS, o Hub Europeo de Innovación Digital DATAlife e o centro tecnolóxico Gradiant, e respaldado por máis de 60 entidades estatais, europeas e internacionais, que movilizará 82 millóns de euros (41 da Empresa Común Europea de Computación de Alto Rendimiento EuroHPC JU, 24 do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e 17 M€ da Xunta de Galicia) e dará emprego directo a unhas 100 persoas.
A factoría, que estará ubicada na nova sede do CESGA, no compostelán polígono de A Sionlla, estará especializada no enfoque One Health, un concepto da Organización Mundial de la Salud (OMS) que trata a saude humana, a animal e a ambiental como unha sola e “cuxas aplicacións previstas van dende a medicina personalizada e o envellecemento saudable aos recursos mariños, a biotecnoloxía azul, a agricultura, o sector forestal, o farmacéutico, a biotecnoloxía ambiental e a bioeconomía circular; é dicir, prácticamente o mapa produtivo galego”.
“Entrenar ou adaptar un modelo de intelixencia artificial non é só cuestión de talento e de datos”, suliñou Fernández, “esixe unha potencia de cálculo que ningunha PYME, hospital ou grupo de investigación pode costearse pola súa conta e por iso o corazón do proxecto é un gran superordenador europeo optimizado específicamente para IA, que se instalará no CESGA, acompañado dunha plataforma de supercomputación avanzada para IA experimental (o novo superordenador Finisterrae IV e dous ordenadores cuánticos)”.
“Con esta concesión”, engadiu, “España pasa a ser un dos tres países europeos con dúas fábricas de IA, xunto a Alemania e Polonia, sumándose á do Barcelona Supercomputing Center, xa que a fábrica formará parte dunha rede continental de fábricas que cooperan entre si e cuxos servizos se ofrecerán de xeito gratuíto a startups, PEMES, empresas e grupos académicos de toda Europa, funcionando como ventanilla única, coas necesidades reais das empresas marcando o rumbo.”

Fernández lembrou quer “a computación é hoxe unha materia prima estratéxica, porque quen non ten acceso a ela, non participa no desenvolvemento da IA, só a consome”. “O fito da fábrica de Santiago non é o edificio nin o orzamento, senón a posición: Galicia entra na primera liña europea dunha tecnoloxía que vai reordear sectores enteiros e o fai no eido onde máis ten que aportar”.
A revolución da computación cuántica
Na mesa de debate, incluída na programación de 2026 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica, Andrés Gómez Tato, coordinador do equipo de Cuántica do CESGA, percorreu as orixes da computación cuántica, “que busca utilizar os mecanismos máis sutís da física cuántica para mellorar computación e comunicacións”.
Gómez destacou as posibles vantaxes da computación cuántica, fronte á clásica -a denominada “supremacía cuántica”: “A primeira é que pode resolver problemas que son imposibles de resolver soamente con computadores clásicos; a segunda, que pode xerar a mesma solución, pero cun consumo máis reducido de enerxía e, relacionado con esta, que aínda consumindo igual ou máis enerxía, xere a solución máis rápidamente que un computador clásico”. “Tamén agardamos que nalgúns casos”, engadiu, “poida obter mellores solucións a determinados problemas como, por exemplo, no campo da optimización”.
O coordinador de Cuántica do CESGA referiuse á elevada competencia que existe hoxe entre a algoritmia clásica e a cuántica, polo que, dixo, “no Centro de Supercomputación de Galicia estamos despregando computadores cuánticos, como QMIO, que nós denominamos unidades cuánticas, para avanzar na investigación de vangarda e que a comunidade investigadora e empresarial non quede atrás nesta revolución tecnolóxica”.

“Con todo”, concluiu Gómez, “hai que ser realista, porque moitos dos algoritmos que sobre o papel son superiores técnicamente aos clásicos de xeito demostrable, necesitan investigar e desenvolver novas técnicas como a corrección de erros cuánticos”. E actualmente, segundo el, “só temos prototipos máis ou menos avanzados que permiten investigar e avaliar solucións que, en casos moi particulares, pero non en xeral, poden xerar solucións cunha calidade equivalente ou mellor”.
“Ningunha das vantaxes anteriores demostrouse de feito e, dende logo, estamos bastante lonxe de que esta tecnoloxía entre nas nosas casas como un equipo portátil, a menos que sexa para aprender ou xogar con prototipos sinxelos duns poucos qubits que non xeran solucións competitivas”.
Na mesa de debate na RSEAPS, que encabezou o presidente da entidade, Leopoldo Fernández Gasalla, o encargado de presentar aos ponentes foi o directivo da Real Sociedad Luis García Varela e, como en todos os actos deste ciclo, tras as súas intervencións abriuse unha quenda de preguntas na que participou o público asistente.



