O ex reitor e catedrático da Facultade de Física da USC afirmou na Real Sociedad Económica que “a intelixencia artificial está moi lonxe das capacidades xerais da intelixencia humana”
O ex reitor, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Física e director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, reflexionou sobre a IA e o seu impacto na nosa sociedade, na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago.

Na última das mesas de debate antes do verán do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola RSEAPS, Barro Ameneiro afirmou que “é incontestable que a intelixencia artificial vai transformar o mundo, afectando aos nosos traballos, á nosa educación, á sanidade, ás nosas formas de lecer e de vida”. Por iso, segundo el “non hai que agardar a ver que acontece, senón anticiparse para que non aconteza o que non queremos,” e cré que esa anticipación “require moitas accións, e unha das máis importantes, senón a que máis, é a de mudar a educación para vivir e traballar nun mundo de persoas e máquinas”.
Na súa intervención, titulada “Intelixencia artificial: Cerebros de silicio”, na que foi presentado polo presidente da Real Sociedad, Francisco Loimil Garrido, o ex reitor compostelán asegurou tamén que “a intelixencia artificial nace da conxectura de que calquera aspecto da intelixencia, incluída a humana, é susceptible de ser simulado con suficiente detalle nos computadores”. “Aínda segue sendo unha conxectura”, engadiu Barro, “pero no seu avance, a IA conseguiu que cada día que pasa a nosa vida estea máis e máis relacionada con dispositivos que ven, falan, escriben, móvense, pensan e compréndennos á súa maneira e, por suposto, condicionan a forma na que traballamos e vivimos”.
Con todo, o catedrático da Facultade de Física está convencido de que “malia os seus incuestionables avances, inimaxinables hai poucos anos, nin a intelixencia artificial é tan intelixente, nin tan artificial como pode parecer, ou como algúns nos queren facer crer”. “A IA está moi lonxe das capacidades xerais da intelixencia humana, require dun extraordinario esforzo humano para deseñar máquinas intelixentes e para usalas, sobre todo cando estas máquinas teñen que ter un alto grao de autonomía e resolver problemas complexos que conlevan un alto impacto nas persoas, se non se usan ou non funcionan adecuadamente”, sentenciou.



