- O programa para 2025 inclúe conferencias-debate sobre Carlos III, o marqués de Rivadulla, Manuel Fernández Varela, o doutor Teijeiro, a rexente María Cristina, Alfonso XIII ou Joaquín Díaz de Rábago
- A RSEAPS organiza un ano máis este ciclo coa colaboración do Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC
A Real Sociedad Económica de Santiago volve achegar aos composteláns o notable patrimonio artístico que atesoura. A programación para 2025 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultad de Xeografía e Historia da USC, prevé conferencias-debate sobre figuras de tanto relevo para Compostela como Carlos III; Juan Armada, marqués de Santa Cruz de Rivadulla; Manuel Fernández Varela; o doutor Teijeiro, a súa dona e o escultor Juan Sanmartín; a rexente María Cristina e o seu fillo, o rei Alfonso XIII; ou Joaquín Díaz de Rábago.
A primeira ponencia, o próximo 5 de febreiro, a protagonizará o catedrático de Historia da Arte da USC Juan Manuel Monterroso Montero baixo o título “Carlos III, un rei para a Real Sociedad de Amigos del País”, xa que foi durante o reinado dese monarca cando nacen en España esas institucións de debate e progreso, ás que Carlos III puxo baixo protección real para que fosen un instrumento do reformismo borbónico.
O ciclo de conferencias sobre o patrimonio artístico da RSEAPS continuará o 12 de marzo coa conferencia-debate “O marqués de Santa Cruz de Rivadulla: da RSEAPS da Ilustración ao moderantismo liberal”, que pronunciará Leopoldo Fernández Gasalla, catedrático de Xeografía e Historia do I.E.S. Rosalía de Castro de Santiago.
O 9 de abril, Patricia Cupeiro López, profesora axudante doutora de Historia da Arte da USC encabezará a disertación “Manuel Fernández Areal. De colexial de Fonseca a mecenas” e o 7 de maio, Carme López Calderón, profesora titular de Historia da Arte da USC fará o propio coa ponencia “Papel, fío e tela. O emblema da RSEAPS”.
En xuño, o día 11, Miriam Elena Cortés López, profesora axudante doutora de Historia da Arte da USC (galardoada en 2022 co Premio Domingo Fontán de investigación histórica da RSEAPS, o Consorcio de Santiago e a USC), protagonizará a charla “Vista dunha cidade. Sobre o misterio dunha enigmática paisaxe urbana”.
Á volta do verán, o 10 de setembro, quenda para José Manuel García Iglesias, catedrático emérito de Historia da Arte da USC, coa ponencia “O doutor Teijeiro e a súa dona ante o escultor Juan Sanmartín, un modo de ver e facer”.
E o programa para 2025 completarase coas conferencias-debate de Mónica Rey Cabezudo, investigadora de Historia da Moda e contratada postdoutoral da USC, “María Cristina e Alfonso XIII. A nai rexente e un neno chamado a ser rei”, o 8 de outubro; de Marcos Gerardo Calles Lombao, director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, “Joaquín Díaz de Rábago, o sociólogo e economista que escribiu sobre a mar e a terra”, o 12 de novembro; e de María Dolores Barral Rivadulla, profesora titular de Historia da Arte da USC e vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, “Alfonso XIII, un rei en Compostela”, o 10 de decembro.
Tódalas conferencias do ciclo sobre o patrimonio artístico da RSEAPS terán lugar na súa sede -no número 4 da praza Salvador Parga-, serán retransmitidas en directo a través da canle de you tube da institución e serán de acceso libre e gratuíto para tódolos asistentes, que ademais poderán participar no debate que se abrirá na parte final de cada unha das ponencias.