Author picture

UN ESTUDO DE YZQUIERDO PEIRÓ VINCULA “A CRUZ DA INQUISICIÓN” DA REAL SOCIEDAD ECONÓMICA CO ARCEBISPO COMPOSTELÁN CAYETANO GIL TABOADA

O director do Museo da Catedral de Santiago, Ramón Yzquierdo Peiró, presentou na Real Sociedad Económica un estudo que desvela a orixe da “Cruz da Inquisición”, á que define como “unha das pezas máis destacadas, e ao tempo máis descoñecidas, do patrimonio que conserva esa institución”, e que hoxe loce na súa sala de xuntas.

O autor descubriu, baixo a base sobre a que se asenta esa cruz, a data de 1745 que, “xunto cunhas iniciais que existen na parte superior dela, poderían tratarse do artista que a elaborou e a data da súa execución”. “Ese ano”, engadiu Yzquierdo Peiró, “foi nomeado arcebispo de Santiago Cayetano Gil Taboada, ata entón bispo de Lugo, que anteriormente fora inquisidor de Santiago, precisamente coincidindo co traslado de sede da Inquisición n acidade, polo que a cruz podería estar relacionada coa figura dese prelado, gran aficionado ás artes”.

No seu estudo, o director do Museo catedralicio revela ademais que “a cruz pertenceu ata 1884 aos fondos da seo compostelá, que ese ano a cedeu ao novo Museo Arqueolóxico Central de Galicia, onde permaneceu ata a súa clausura e, tras ela, probablemente sumouse aos fondos da Sociedad Económica, sen que quede clara a súa posible relación, ou non, coa Inquisición”.

Así mesmo, descubriu unha fotografía do Arxiu Mas de Barcelona, realizada por Amatller en 1919, na que a cruz aparece tamén exposta, xunto con outras pezas, no Museo do Colexio de San Clemente. Moitos anos máis tarde, “en 2006”, lembrou, “a obra tamén estivo exposta na sede compostelá da Fundación Caixa Galicia”.

Pouco se sabía ata agora sobre a orixe “desta curiosa peza, de gran tamaño, madeira policromada e taiada, que presenta escenas e motivos nas súa dúas caras”, como a descrebe Yzquierdo Peiró.

“O Santo Oficio tardou en chegar á cidade de Santiago”, sinalou, “e nun primeiro momento asentouse no Pazo dos Condes de Monterrei, próximo á igrexa de San Martiño Pinario, para trasladarse en 1726 a unha nova ubicación, extramuros, na chamada Casa Grande Calo, ao principio da rúa Hórreo, onde na actualidade está situado o Hotel Compostela”. “Tempo despois, entre 1821 e 1861, a Sociedad Económica de Amigos del País tivo alí a súa sede e, tradicionalmente, considerouse que esa foi a vía de ingreso da cruz nos seus fondos artísticos”.

A conferencia de Yzquierdo Peiró, á que seguiu un coloquio cos asistentes, foi a última en 2024 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, que esa institución organiza en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS, da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn