Author picture

UNHA INVESTIGACIÓN REVELA A AUTORÍA, TÍTULO E DATA DUNHA OBRA ANÓNIMA DO PATRIMONIO DA REAL SOCIEDAD ECONÓMICA

A profesora da USC Miriam Elena Cortés descubre que o cadro Vista de ciudad é en realidade Paisaje arquitectónico, obra de principios do século XVII de Juan de la Corte

A profesora axudante doutora de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Miriam Elena Cortés López revelou, tras unha investigación realizada coa ayuda do arquivo da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), datos novidosos sobre o óleo Vista de ciudad, que forma parte do patrimonio desa institución, e cuxa autoría, lugar de procedencia e datación eran descoñecidos.

Nunha mesa de debate do ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, organizado pola Real Sociedad en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Cortés desvelou que o cadro titúlase en realidade Paisaje arquitectónico, está datado na primeira metade do século XVII e atribúese ao pintor Juan de la Corte (Madrid, 1585-1660). “A consulta dalgúns papeis do arquivo da Real Sociedad”, sinalou, “permitiu verificar que non podía tratarse dun ben procedente dos desaparecidos conventos composteláns, desamortizados na primeira metade do século XIX, porque a temática que se presenta, unha paisaxe urbana, non formaba parte dos intereses das comunidades monásticas”.

Segundo ela, tras desbotar esa hipótese, valorouse unha segunda: “que fora un exercicio académico, que acompañaría as leccións de perspectiva que se impartían na Escola de Deduxo da RSEAPS, recén refundada, e que o seu autor poidera ser un dos seus profesores; quizais Juan José Cancela del Río (1803-1886), malia que era frecuente que tódolos seus cadros estiveran asinados”. 

Finalmente desbotou “claramente” calquera vínculo do lienzo “co século XIX en xeral e coa Escola de Debuxo en particular”. “Se xa resultaba sorprendente que o cadro non estivera asinado, como correspondería a unha obra decimonónica pero non a unha do século XVI, a localización dun interesante documento no arquivo da RSEAPS, permitiu coñecer que este cadro procede dun antigo depósito que o Museo Nacional de Pintura y Escultura fixo á Real Sociedad entre os anos 1885 e 1905”, afirmou a profesora. “Ese museo, coñecido como Museo de la Trinidad, recibiu gran parte da obra procedente dos conventos desamortizados”.

Cortés explicou que o autor do cadro “é un artista flamenco pouco recoñecido, malia que con obra en varios museos internacionais que, sen que pareza que chegara ser pintor da Corte, traballaba na contorna rexia de Madrid e serviu á monarquía española coa elaboración de varias series e ciclos para os pazos reais”. “Foi pintor de paisaxes, e isto é o que se observa nesta obra, seguindo claramente o modelo de escenografía manierista, con elementos de lembranza flamenca como as torres medievais, misturados co repertorio do novo clasicismo, e coa máis que evidente procura de perspectiva e dos puntos de fuxida”, engadiu. “Nun primeiro plano, varios grupos de figuras que probablemente aludan a unha paisaxe do Antigo Testamento, aínda por descifrar”. 

O encargado de presentar a Miriam Elena Cortés antes da súa intervención foi Diego Rodríguez Paz, profesor de Historia da Arte do CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moaña, nunha mesa que encabezou o presidente da Real Sociedad Económica compostelá, Francisco Loimil Garrido.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.