Imagen del autor

UNHA UNIDADE DIDÁCTICA BUSCA ACHEGAR AOS MOZOS A ILUSTRACIÓN, OS S. XIX-XX E O PAPEL DA RSEAPS NO DESENVOLVEMENTO DE SANTIAGO E GALICIA

unidad didáctica de la rseaps

A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago presentou hoxe unha unidade didáctica, elaborada polo catedrático de Xeografía e Historia do IES Rosalía de Castro Leopoldo Fernández Gasalla, que ten como obxectivo que alumnos de centros escolares de Santiago e da súa área de influencia afonden no coñecemento da sociedade na Ilustración e nos séculos XIX e XX, así como no papel que tivo a RSEAPS como dinamizador do desenvolvemento da capital galega e da comunidade autónoma.

Fernández Gasalla subraiou que este material académico “está dirixido preferentemente a escolares de Educación Secundaria e Bacharelato que cursen as asignaturas de Xeografía e Historia, e inclúe actividades plantexadas para o desenvolvemento da súa capacidade crítica e interpretativa, mediante a indagación e a reflexión”. O seu tema é a evolución histórica da RSEAPS dende a súa fundación, en 1784, ata a actualidade, e consta de dúas partes: unha presentación; e unha colección de textos e actividades didácticas.

Segundo explicou o seu autor, “na presentación, a unidade didáctica proporciona información sobre as circunstancias históricas nas que naceu a Real Sociedad Económica, os personaxes principais que contribuíron á súa creación e ao modo no que os cambios políticos e sociais influíron sobre ela”. “Así mesmo”, engadiu, “presta especial atención á vocación de servizo ao desenvolvemento cultural e económico de Santiago e de Galicia, promoción da muller e dos grupos desfavorecidos, e ás diferentes achegas realizadas con esa fin: escolas artísticas (escola de debuxo, conservatorio…) e profesionais, publicacións, etcétera”.

Para tal fin, a unidade didáctica “combina imaxes procedentes na súa meirande parte da colección de obras de arte e do fondo bibliográfico da RSEAPS, con textos breves nos que se primou a calridade didáctica”, explicou Fernández Gasalla. “Constitúe tamén unha síntese útil para quen pretendan obter unha visión global do papel da RSEAPS no pasado e na actualidade”.

No acto de presentación da unidade didáctica da RSEAPS, que conduciu o seu presidente, Francisco Loimil Garrido, interviron ademais Juan Monterroso Montero, catedrático de Historia da Arte da USC, que realizou unha breve disertación sobre as aplicacións docentes da unidade didáctica, e José Manuel López Vázquez, tamén catedrático de Historia da Arte da USC, que deu paso a Fernández Gasalla, trazando un breve perfil da súa biografía e da súa traxectoria académica.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.