O próximo luns, 25 de setembro, ás 19,30h, na sede da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), terá lugar o acto de presentación dunha unidade didáctica, elaborada polo catedrático de Xeografía e Historia do IES Rosalía de Castro Leopoldo Fernández Gasalla. A unidade ten como obxectivo dar a coñecer a nosa institución e a súa influenza na conformación da sociedade civil compostelá, a través da organización de actividades e visitas guiadas de alumnos e profesores de centros escolares de Santiago e da súa área de influenza.
No acto intervirán, ademais do propio Fernández Gasalla, o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido, que conducirá a presentación; Juan Monterroso Montero, catedrático de Historia da Arte da USC, que realizará unha breve disertación sobre as aplicacións docentes da unidade didáctica; e José Manuel López Vázquez, tamén catedrático de Historia da Arte da USC, que trazará unha breve semblanza biográfica e académica de Fernández Gasalla.



