Author picture

“A ESCULTURA LA VIOLINISTA PON DE MANIFESTO O ESPÍRITO PEDAGÓXICO DA REAL SOCIEDAD ECONÓMICA”

A escultura “La Violinista”, obra que forma parte dos fondos artísticos da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, “é unha peza de extraordinario valor para esa coleción e moi especial polo seu valor documental, que trascende os patróns académicos da época, e que pon de manifesto o espírito pedagóxico que reza no propio lema da Sociedad, Socorrer Ensinando”.

Son algunhas das conclusións da conferencia de Miriam Elena Cortés López, profesora axudante, doutora en Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, que tivo lugar esta tarde na nosa sede, dentro do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC, para achegar o patrimonio da Real Sociedad aos composteláns.

Cortés López desvelou que “La Violinista” é obra do escultor catalán Josep Reynés e salientou dela que “é un vaciado en xeso, que no presente pode verse no lateral esquerdo da sala de xuntas da RSEAPS, cuxa orixinalidade radica nas súas dimensións, trascendendo os patróns académicos que se limitaban a crear modelos de obradoiro que estudan partes do corpo (mans, pés, cabezas…), elementos frorais e vexetais decorativos, así como copias de esculturas clásicas ou relieves”.

Segundo ela, o que sorprende neste caso é que se nos presente a figura dunha nena da sociedade da época -polo seu xeito de vestir, moi probablemente da primeira década do século XX-, nunha pose e unha actitude moi concretas, cunha conxugación de valores que se concentran nesta escultura preparatoria, como un dos seus puntos máis sobresaíntes”. “Non se trata da típica copia dun modelo clásico, senón dunha obra que sorprende pola súa temática porque representa a una nena aprendiz, o que a vincula coa escola de música creada pola Real Sociedad e, polo tanto, suma ao seu grande valor artístico, un valor documental, testemuña do labor social e educativo da institución”.

“Máis aló de centrarse no aspecto estético que a primeira vista podería resultar evidente en calquera obra de arte”, sinalou tamén a profesora Cortés, “La Violinista ofrécesenos como un elemento cargado de matices, que evidencian a necesidade de abordar a obra, máis aló do plano artístico, dende o seu papel como un auténtico documento no que dun xeito apenas percibido intúense aspectos da sociedade, comportamentos ou desempeño de roles…”. “Do mesmo xeito, dende esa mesma discreción, alúidese á cuestión educativa e ao relevo que a Real Sociedad Económica tivo no desempeño do desenvolvemento educativo das artes, dos oficios e das industrias”.

“Convén salientar que a selección desta peza esencial dentro da coleción da RSEAPS, non é casual”, indicou Cortés. “De feito”, concluiu, “é oportuno sinalar que non é a primeira vez que esta magnífica obra sale do seu espazo habitual para ser mostrada á sociedade, poñedo de manifesto o espírito pedagóxico que reza no propio lema da Sociedad, Socorrer Ensinando”.

A conferencia de Cortés López foi presentada polo presidente da Real Sociedad Económica, Francisco Loimil Garrido, e o encargado de introducir á profesora foi Francisco Javier Garbayo Montabes, profesor titular de Historia da Música da Universidade de Santiago de Compostela.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn