Author picture

A RSEAPS PROMove LA REFLEXIÓN CO CICLO DE DEBATE “COMPOSTELA 2023-2027. PRESENTE e FUTURO”.

A RSEAPS PROMOVE A REFLEXIÓN SOBRE COMPOSTELA E O SEU FUTURO CUN POTENTE CICLO DE DEBATE

A Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago arrinca con forza 2023. Seguindo o ronsel histórico da institución, fundada en 1784 e declarada de utilidade pública en 1998, pretende dinamizar agora o debate en Compostela sobre cuestións que incumben á cidade e que poderían determinar o seu futuro inmediato, en materias tan diversas como fiscalidade, retos ambientais, mobilidade cidadá, infraestruturas, industria e servizos ou medios de comunicación.

A programación da RSEAPS comezará este ano cun amplo e ambicioso ciclo de mesas de debate, baixo o título “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, que abrirá o próximo 28 de febreiro o profesor, politólogo, filósofo e ex vicepresidente da Xunta Xosé Luis Barreiro Rivas, que disertará sobre a universalidade de Santiago.

O protagonista en marzo será Ubaldo Rueda Soto, profesor, ex director do Instituto Rosalía de Castro e presidente da Asociación Cultural Café Casino de Santiago, que falará sobre o asociacionismo en Compostela. O debate en abril virará ao redor da fiscalidade municipal, da man da presidenta da Sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Dolores Rivera.

A ela seguiranlle, en maio, Ruth Varela, arquitecta e investigadora, Miguel Serrano Pérez, profesor da USC e investigador, e Enrique Seoane Prado, arquitecto e profesor da UDC, nunha mesa de debate sobre como preservar o futuro de Santiago, espazos verdes, retos ecolóxicos e saúde urbana.

O protagonista no mes de xuño será Manuel Rodríguez López, arquitecto da Fundación RIA de Chipperfield, que abordará a cuestión da mobilidade e o modelo de cidade. En setembro, José Manuel Villanueva Prieto, filólogo, escritor, ex concelleiro de Santiago, ex xerente da USC e do Consorcio de Santiago, encabezará o debate sobre o uso e sinerxias das infraestruturas públicas, a plataforma loxística de mercadorías e o Observatorio da cidade.

Pecharán o ciclo, en outubro, Luís Menéndez Villalba, presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago e do Centro Internacional de Prensa, cunha reflexión sobre os medios de comunicación na capital galega; e en novembro, representantes dos empresarios de Santiago, que debaterán sobre o presente e futuro da industria e os servizos en Compostela.

A directiva da RSEAPS, que preside Francisco Loimil, lembra “o espírito de pluralidade absoluta que preside todas as iniciativas da Sociedade” e anima a asistir e participar nestes debates a todos os cidadáns de Santiago que o desexen, “porque todos os asuntos sobre os que se tratarán resultan de vital importancia para o futuro da nosa cidade”.  As conferencias do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” terán lugar na sede da RSEAPS, na compostelá praza Salvador de Parga, e son abertas ao público.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn