Author picture

JOSÉ MANUEL GARCÍA IGLESIAS: “JUAN SANMARTÍN FOI O ESCULTOR DOS GRANDES DO MAR”

O catedrático emérito de Historia da Arte da USC e vicepresidente da RSEAPS José Manuel García Iglesias pronunciou esta tarde unha conferencia sobre o retrato do escultor Sanmartín, obra do pintor José Alarcón, que pertence ao patrimonio da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago. Na súa disertación afondou no máis íntimo dese óleo sobre lienzo, indagando tamén na case descoñecida personalidade do seu autor, que o asinou en Madrid no ano 1886 e que, segundo García Iglesias, o tería doado á RSEAPS por recomendación do propio Sanmartín, como así consta nun escrito seu de 1887.

O conferenciante considera a Juan Sanmartín y Serna, nado e finado en Santiago (1830-1898) e moi vinculado á RSEAPS, como “o escultor máis grande do seu tempo en Galicia”. No cadro preséntase a Sanmartín coa Gran Cruz de la Orden del Mérito Naval con distintivo blanco no seu peito, o que segundo García Iglesias vén a salientar as súas grandes obras escultóricas na honra de Cristóbal Colón ou Méndez Núñez, entre outros, o que lle convirte para el “no escultor dos grandes do mar”. Ademais, destacou García Iglesias, na pintura aparece nun segundo plano, sobre un alto pedestal, a escultura de Sanmartín “Cervantes en prisión”, evocando tamén ao mar como pano de fondo, xa que o escritor universal loitou en Lepanto e foi preso en Arxel, tras tomar os turcos a galera “Sol” na que regresaba a España.

O catedrático emérito de Historia da Arte subliñou ademais que, o feito de que Sanmartín fose presentar esa escultura de Cervantes na Exposición Nacional de Madrid de 1887, é a razón pola que o autor do cadro a introduce no retrato, porque con esta obra Alarcón pretendía consagrarse na capital de España. “Con esta pintura, pretende ademais compararse dalgún xeito con Felipe de Castro, grandísimo escultor galego, admirado por el”.

As disertación de García Iglesias, a última de 2023 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC e co que a RSEAPS está achegando aos composteláns o seu notable patrimonio, foi presentada polo presidente da Real Sociedad Económica, Francisco Loimil Garrido.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn