O profesor titular de Ciencia Política e da Administración da USC Miguel Anxo Bastos Boubeta protagonizou a terceira mesa de debate neste ano 2024 programada dentro do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago.
Na súa intervención, titulada “Máis intervencionismo municipal ou máis sociedade civil”, Bastos Boubeta afirmou que a “planificación non funciona, ten moitos problemas e non consigue os seus obxectivos”, defendendo a idea de que “existen formas descentralizadas de xestión moito máis eficaces, sobre todo, no mundo local”. Por iso, segundo el, “ese ámbito, o local, debería aprender moito dos mercados e da sociedade civil”.
O profesor de Ciencia Política subliñou tamén o feito de que “o debate sobre a intervención estatal na vida económica está case sempre centrado nos ámbitos superiores de goberno, no central e no autonómico, e rara vez incide en como os escalóns máis próximos á cidadanía interveñen a súa actividade económica”.
Para Bastos Boubeta, “nun contexto no que a vida urbana adquire unha relevancia cada vez maior, non se poden obviar os efectos que teñen as intervencións neses espazos, que teñen unha importancia crecente nas sociedades modernas”. E centrouse no ámbito do deseño das cidades, no “vello debate sobre o planexamento urbano ou sobre o seu alcance: se se poden ou non deseñar os fins dunha cidade ou o xeito que debe ter”.
Referiuse “a todo un amplo abano de medidas de planexamento urbanístico, ou plans xerais que inclúen, dende a zonificación aos límites, forma e uso das vivendas e espazos urbanos privados”. “Tamén”, sinalou, “todo o que se refire ás normas de transporte e mobilidade, ou os debates sobre as chamadas cidades intelixentes”.
Nese senso, o conferenciante apostou pola liberdade de mercado para establecer unha zonificación nas cidades, dacordo con modelos como o que se impuxo na cidadw estadounidense de Houston, urbe que non conta con plan urbanístico, pero na que os promotores empregan outras ferramentas para evitar o risco que supón esa ausencia case total de normas intervencionistas municipais.
En canto á intervención no eido da política e da protección social, “que noutros países están recomendando remunicipalizar”, Bastos Boubeta preguntouse en que medida as políticas municipais ao respecto poden ser adaptadas aos concellos e en que medida estes poden reclamar ou non a cooperación da sociedade civil”.
O encargado de presentar ao profesor Bastos Boubeta foi Jorge Lorenzo Souto, tesoureiro da RSEAPS, nunha mesa que encabezou o presidente da Real Sociedad Económica, Francisco Loimil Garrido.