Author picture

O XORNALISMO LOCAL, CLAVE PARA DINAMIZAR A CIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

O gran reto ao que se enfrontan os medios de comunicación local é o de informar sobre o máis próximo ao cidadán e a intensa actividade autonómica da capital galega, procurando conquistar a audiencia a través das novas canles dixitais das que dispoñen. Esta é a conclusión á que chegaron os tres ponentes que participaron no debate desenvolvido sobre a situación dos medios de comunicación en Santiago, promovido pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) e que tivo lugar esta tarde na súa sede.

Incluído no ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” da RSEAPS, presentado polo seu presidente, Francisco Loimil, e moderado polo presidente da Asociación da Prensa de Santiago, Luis Menéndez, o foro contou coa intervención de Xaime Leiro, director de El Correo Gallego, de Ignacio Carballo, delegado en Santiago de La Voz de Galicia, e de Lara Salgado, redactora en Compostela de Radio Galicia-Cadena Ser.

Xaime Leiro afirmou que, “tra-la súa adquisición no pasado mes de xaneiro por parte de Prensa Ibérica, El Correo Gallego ten como única guía a defensa dos intereses de Santiago, nunha aposta polo xornalismo hiperlocal, que non esquece que a cidade é a capital de Galicia e sede das súas institucións, e que El Correo Gallego leva no seu ADN, na súa cabeceira, a vocación de servizo á comunidade autónoma”.

“Para cumplir co seu obxectivo”, engadiu o director de El Correo Gallego, “o xornal esfórzase día a día en ofrecer informacións rigurosas, porque só dese xeito se afianza a credibilidade entre os lectores e ao mesmo tempo axúdase a dignificar a profesión”.

Pola súa banda, Ignacio Carballo lembrou que “o ecosistema comunicativo de Galicia é o máis completo e complexo de Galicia, porque é a caixa de resonancia do groso do acontecer da política e da escena institucional de Galicia, no seu sentido máis amplo”. Unha condición que, segundo el, “supón grandes retos para os medios que afrontan ese dobre plano con toda a intensidade e a través de tódalas canles que demandan as súas audiencias”.

“Son retos para os seus profesionais”, afirmou tamén, “sobre todo en tempos de crise de modelo de negocio, de incertidume e de máxima contención de custos, como os que vivimos nas empresas xornalísticas tradicionais dende hai xa demasiados anos, á vez que libramos unha guerra sen cuartel para consolidar e engrandecer as nosas marcas no maremágnum do universo dixital… e nese contexto, non perdemos a perspectiva de cidade, sen localismos”.

Para Carballo, “a gran apertura de oportunidades que ofrece internet para o lanzamento de novos medios, non deu lugar nembargantes a unha transformación con novas cabeceiras de información local, agás achegas sectoriais xeralmente pouco profesionalizadas, pola dificultade para rendibilizalas”. “O xornalismo ten un custo e hai que pagalo, malia que esta conciencia vaia impregnando á audiencia moito máis lentamente do que sería desexable para as empresas”.

O delegado en Santiago de La Voz de Galicia cré que a cidade de Santiago “vive actualmente nun lixeiro adormecemento e precisa retroalimentarse coa identificación entusiasta da cidadanía, ten que sacudirse esta capa de apatía; e a activa implicación dos medios de comunicación que viven e sinten Compostela é imprescindible para conseguilo”.

Con esa idea concorda tamén Lara Salgado, quen sinalou que “fora dos movementos veciñais, do mundo asociativo e dos sectores máis sensibilizados co que acontece na nos acidade, estase a perder algo de interese por coñecer o que pasa e tamén, por afondar nos temas”. “Hai menos pulsión social”, engadiu, “e coido que ten que ver cunha tendencia á sobreinformación coa irrupción dos novos medios de comunicación social, xa que cando temos moito de algo, pérdese o interese”.

A redactora de Radio Galicia-Cadena Ser, cré que ese proceso chegou aos medios de comunicación “en pleno proceso de búsqueda para intentar ser quen de trasvasar o lector dixital ao papel, e ao revés, no caso dos xornais; e como chegar aos oíntes dos novos formatos tipo podcast, ou como facer os contidos máis frescos, sen renunciar á rigurosidade e a credibilidade, no caso da radio”. En calquera caso, está convencida de que “unha cidade como a nosa estaría máis perdida aínda sen medios locais, porque son os únicos que contamos os problemas máis cercanos da sociedade”. 

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn