Author picture

XOSÉ MANUEL VILLANUEVA: “O RELEVO DE COMPOSTELA DECAEU NA ÚLTIMA DÉCADA PORQUE CASE DESAPARECEU O SEU PROXECTO URBANO”

O filólogo e novelista, ex tenente de alcalde e ex xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva, encabezou hoxe a mesa de debate “Infraestruturas, xestión e proxecto de cidade”, incluída no ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, na sede da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS).

Villanueva, que tamén é presidente da Fundación Meniños e que durante tres etapas distintas ocupou o cargo de xerente da Universidade de Santiago, asegurou que “a transformación de Compostela nos últimos 40 anos foi posible pola conxunción de tres dimensións esenciais da gobernanza da cidade”, que segundo el son “as infraestruturas e servizos, a xestión e o proxecto urbano”.

“E iso foi posible”, afirmou, “pola existencia dun aglutinante que é o liderado municipal, baseado nun poderoso proxecto urbano, que operou como un imán con pequenas limaduras de ferro: as orienta y aliña nunha dirección compartida”.

Con todo, cré Villanueva, “dende hai dez anos existe un decaemento no ton e relevo de Compostela” que, na súa opinión “débese a que se desenfocou, case ata a desaparición, o proxecto urbano que dá sentido ás distintas iniciativas que xurden dos axentes da cidade”.   

Para o conferenciante, “o proxecto urbano no só é a axenda do que se quere abordar, en función dun obxectivo ou un plan desexado senón, sobre todo, a concreción de como acadar eses obxectivos dende unha perspectiva política e técnica, e a forma na que se debe vincular aos distintos axentes (institucións, empresas, colectivos, cidadáns…) no seu pulo e defensa”. “En fin, é”, engadiu, “un proxecto político máis aló da dinámica partidaria, pero non alleo a ela”.

E concluiu afirmando que, “pasadas as eleccións municipais, e configurado un Concello para os próximos catro anos, é oportuno promover a discusión social desa cuestión para incitar aos agentes da cidade a que se xere un proxecto consistente que guíe o desenvolvemento da Compostela das próximas décadas”.

Na mesa de debate que tivo lugar hoxe tamén participaron o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil, que realizou a introdución, e Fernando Barros, secretario da Real Sociedad, que foi o encargado de presentar como ponente a Xosé Manuel Villanueva.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn